Nova
12/04/2024
Institucionais

Lete Lasa destaca o poder das ás da Vig-Bay coas que 5.000 corredores completan os 21 quilómetros entre Vigo e Baiona ou os 10,5 desde Nigrán

Lembra o bo momento da maratón galega coa consecución das mínimas olímpicas por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro

Vigo, 12 de abril de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da ‘XXIII Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay y III Minibay’. O mandatario galego animou aos máis de 5.000 corredores que percorrerán este domingo as dúas distancias que pon en liza a proba vixente dende 1996: os máis de 21 quilómetros ente Vigo e Baiona así como os 10,5 desde Nigrán.

Lete Lasa destacou o exemplo do gañador da Vig-Bay en 2023, Jorge Puig, que ademais de ser atleta é funcionario público na Dirección Xeral de Xustiza da Xunta e asegurou que moitos galegos e galegas cambian a súa vestimenta executiva por roupa deportiva nas fins de semana ou cada serán tras rematar as súas obrigas laborais. Grazas a isto, o deporte galego conta hoxe con preto de 310.000 licenzas federativas e o atletismo galego suma xa 7.600 cunha práctica igualdade entre mulleres e homes.

No que respecta á disciplina da maratón, o secretario xeral para o Deporte destacou o bo momento que atravesa en Galicia coa consecución da mínima olímpica por parte de Tariku Novales, no pasado mes de decembro e de Ester Navarrete, en febreiro. No caso da atleta viguesa, Lete Lasa aplaudiu a súa valentía xa que hai uns meses pediu unha excedencia do seu posto de enfermeira para profesionalizarse e loitar por acudir aos Xogos de París 2024, onde formará parte dunha gran representación de galegos que están a conseguir a súa clasificación nestas semanas.