Nova
21/03/2024
Institucionais

Lete destaca a puxanza galega do hóckey patíns con novos éxitos como os das rapazas do Raxoi que veñen de proclamarse subcampioas da Copa Princesa

Enxalza ao equipo feminino que ademais está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina

Santiago, 21 de marzo de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe ao Hóckey Club Raxoi que vén de proclamarse subcampión da Copa SAR a Princesa Feminina de hóckey patíns 2024 en Mieres, Asturias. O mandatario galego destacou o “enorme traballo” do equipo compostelán co que queda demostrado, unha vez máis, o “excelente estado de saúde do deporte feminino que cada semana enche de éxitos as vitrinas do deporte galego”.

Na recepción celebrada nas dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte, na que estiveron presentes a vicepresidenta, Covadonga Rodríguez; a adestradora, Ainhoa García e oito xogadoras, Lete Lasa reforzou o compromiso da Xunta de Galicia co Hóckey Club Raxoi que xa é un equipo consolidado no Plan de Patrocinio Publicitario dos equipos de alta competición de Galicia que desenvolve a Fundación Deporte Galego dende 2022. Ademais, o secretario xeral lembrou outras axudas que recibiu o Raxoi con respecto a actividade, reactivación ou equipamento que contribuíron a que as axudas da Xunta cheguen aos 40.500 euros desde 2009.

Lete Lasa enxalzou ao equipo feminino do Hóckey Club Raxoi que ademais deste subcampionato está a facer unha excelente tempada na segunda máxima categoría do hóckey patíns feminino ocupando a segunda posición da clasificación da OK Liga Prata Feminina, o que suporía o seu ascenso á OK Liga Feminina. Neste sentido, o secretario xeral puxo de manifesto a importancia de Galicia como potencia no hóckey patíns con equipos como o Hóckey Club Liceo -equipo máis laureado de Galicia- e o Hóckey Club Coruña, ambos os dous equipos pelexando nos postos máis altos das máximas categorías masculina e feminina, respectivamente. Por último, Lete Lasa desexou tamén a mellor das sortes ao Hóckey Club Cambre e ao Hóckey Club Ponteareas que acompañan ao Raxoi na segunda máxima división estatal.