Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

07.07.2012

Triatlón >> Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse, Prata e Bronce Masculino na Copa do Rei

Na categoría feminina, o club lucense logrou a medalla de bronce.

Imprimir Atrás
O Cidade de Lugo Fluvial non puido repetir o título logrado nos últimos anos e tivo que "conformarse" con subir ao podio na Copa do Rei, que se disputou hoxe en Pulpi. Na categoría masculina houbo dúas medallas para Galicia: O Cidade de Lugo Fluvial foi prata e Arcade Inforhouse, bronce. Na feminina, o Cidade de Lugo logrou a medalla de bronce. Mañá celebrarase o Campionato de España de Acuatlón.

Na proba masculina participaron un total de 47 equipos e o Cidade de Lugo partía coa intención de repetir título, a pesar de que non acudía co mellor equipo. Así, ao final, escapouse o título, nunha apertada final. O Arcade chegou a carreira a pe por diante do Cidade, pero este logrou adiantalo e colocarse segundo, pero non puido alcanzar ao Diablillos de Rivas, que foi o campión. Polo Cidade puntuaron Jesús Gomar, Óscar Vicente, Antonio Serrat e Pedro Nuno. No Arcade os deportistas que chegaron a meta foron Iván Raña, Brais Canosa, Diego Paz.

Na categoría feminina, o Cidade de Lugo (con Marta Jiménez, Estefanía Domínguez, Saleta Castro e Aída Valiño) lograron a medalla de bronce, mentres que Arcade Inforhouse foi quinto e o Tríatlon Ferrol rematou na oitava posición.
 
A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrareloxo por equipos, que están compostos por 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo.

Os equipos saen cada tres minutos, seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen de últimos. A competición comezará coa proba aberta masculina (15:00 horas) e por último sairán os dez primeiros da proba de elite.

Campionato de España de Acuatlón. E domingo continúa a competición do máis alto nivel, coa disputa do Campionato de España de Acuatlón, no que Javier Gómez Noya non defenderá o seu título. A proximidade dos Xogos Olímpicos veuse reflectido na participación neste torneo, pola ausencia dos olímpicos.

A proba disputarase sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, un quilómetro de natación e 2,5 quilómetros de carreira a pe. A primeira das saídas está prevista para as dez da mañá (grupos de idade, cadete e xúnior), mentres que elite feminina comezará as 11:30 horas e a masculina ás 12:15 horas.

Na proba de elite feminina están inscritas 39 participantes cunha importante presenza de galegas, que buscarán acadar o título. Entre as inscritas destacan Marta Jiménez, Diana Cotón, Fani Domínguez, Saleta Castro e Aída Valiño (Cidade de Lugo Fluvial) ou Laura Mosquera (Arcade Inforhouse). No campionato masculino hai 68 inscritos coa presenza dos galegos Jesús Gomar, David Castro, Óscar Vicente (Cidade); Iván Raña, Brais Canosa ou Diego Paz (Arcade).

Resultados do 2011. O pasado ano a Copa do Rei e o Campionato de España de Acuatlón tivo lugar en Ferrol e cuns resultados espectaculares para os nosos clubs e deportistas. A nivel individual, Javier Gómez Noya proclamouse campión de España de Acuatlón, mentres que na categoría feminina a gañadora da proba foi a alemá Ricarda Lisk, do Cidade de Lugo, e a subcampioa de España, Marta Jiménez.

Fonte: Federación Galega de Triatlón

Vistas:  482

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds