Novas
28.06.2012
Triatlón >> Galicia logra dúas Pratas no Campionato de España de Tríatlon Escolar en Punta Umbría
As seleccións galegas lideraron a proba ata o último relevo.
Dobrete para Galicia no Campionato de España de Tríatlon Escolar por seleccións autonómicas na categoría cadete, que se celebrou hoxe en Punta Umbría.
Na proba feminina, Galicia presentou o equipo formado por Carla Castaño García (Arcade Inforhouse), Sara Guerrero Manso (A.D. Narón-Vistaoptica) e Inés Santiago Morón (Tríatlon Ferrol). Carla foi a encargada de facer a primeira quenda e entregou o relevo na oitava posición á Sara Guerrero que fixo unha remontada espectacular ata a primeira posición. Esta situación, con Galicia primeira, foi a que mantivo Inés ata o último segmento, e so foi superada por Andalucía na carreira a pe. Así, o podio quedou formado por Andalucía na primeira posición, Galicia en segundo lugar e Madrid na terceira.
Na categoría masculina, os adestradores apostaron por Anxo Lema Saavedra (Olímpico de Vedra); Daniel Bouzón Lema (Olímpico de Vedra) e Andrés Cendán Llorens (Dexter Tríatlon Compostela). Andrés foi o primeiro en saír e facendo un bo relevo, xa que entregou na segunda posición. A continuación, Daniel Bouzón mantivo o bo rendemento (a pesar de ter problemas co calzado na bicicleta) e deu o pase a Anxo Lema na primeira posición, quen aguantou ata a carreira a pe nese
primeiro posto, pero finalmente foi superado por Valencia. O podio quedou formado por Valencia (1°), Galicia (°) e Madrid (3°). Se fixéramos unha clasificación xeral (masculina e feminina), Galicia sería a primeira clasificada.
O Campionato de España de Tríatlon Escolar dispútase na modalidade de relevos. Os equipos están formados por tres integrantes, que terán que realizar cada un deles un mini-triatlon (300 metros de natación, 4 quilómetros de bicicleta e 1.500 metros de carreira a pe).
Fonte: Federación Galega de Triatlón
Vistas: 503