24.05.2012
Lete Lasa asegura que as Distincións ao Mérito Deportivo demostran que o deporte galego "sabe dos vosos méritos, recoñoce os vosos esforzos e agradece a vosa única e irrepetible achega a este común patrimonio de Galicia que é o seu deporte"
O secretario xeral par ao Deporte, José Ramón Lete Lasa destacou hoxe ante os recoñecidos que as Distincións ao mérito deportivo, que esta tarde se entregaron na Coruña, demostran que o deporte galego “sabe dos vosos méritos, recoñece os vosos esforzos e, por enriba de todo, agradece a vosa única e irrepetible achega a este común patrimonio de Galicia que é o seu deporte”. “Deporte –engadiu-, co que tamén se constrúe, tendes construído e construímos Galicia”.
Na súa intervención Lete Lasa, que estivo acompañado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, remarcou o papel do deporte como “ferramenta de integración social, de saúde, de xeración de riqueza e benestar, ferramenta de educación” pero tamén, dixo, “como parte esencial das nosas vidas e identidades”. “É parte da herdanza de cada home e cada muller e a súa ausencia non pode ser compensada”, remarcou o secretario xeral para o Deporte parafraseando ao francés Pierre Coubertin.
“Vós tedes conformado esta herdanza para nós e para Galicia; aí está e agora tócanos e queremos agradecela”, sinalou Lete Lasa ante os premiados. “Este aquí e este agora do deporte galego –aos que vós, os hoxe premiados, cos vosos esforzos e traxectorias nos tendes conducido- é unha Galicia que novamente aspirará a medallas na vindeira cita olímpica e paralímpica de Londres; unha Galicia onde adestradores e técnicos, árbitros, clubs, federacións e directivos, traballan a diario cos miles de deportistas que son a verdadeira esencia do noso deporte; un país onde medios de comunicación e empresas saben trasladar á sociedade e incorporar á súa responsabilidade social corporativa, o que é o verdadeiro deporte de Galicia, os seus méritos e os seus valores”, argumentou.
Por último Lete Lasa lembrou que as Distincións ao mérito deportivo pretenden corresponder, “como se merece, á herdanza que nos tendes ofrecido, cos vosos exemplares e sobresaíntes méritos e traxectorias” pero tamén “a vosa indiscutible valía como modelo e estímulo para o conxunto da comunidade deportiva de Galicia, unha comunidade –máis ben diría unha familia-, na que atopades, por méritos propios, o lugar que ben merecedes”, concluíu.
Transmisión de valores
Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou a “extraordinaria capacidade de transmitir valores que posúe a práctica deportiva”, especialmente entre os máis mozos, tales como o premio ao esforzo, á solidariedade, á tolerancia, ao traballo en equipo e á capacidade de superación.
Mato indicou que “a saúde e o deporte ocupan un dos nove eixos prioritarios da nosa estratexia de Xuventude 2010-2013”, un eixo que contempla 19 medidas específicas que poñen o acento na participación da mocidade nas actividades físico-deportivas e de lecer.
Distincións ao mérito deportivo
As Distincións ao mérito deportivo foron creadas por resolución da Secretaría xeral para o deporte (DOG do 4 de novembro de 2010) e son concedidas en recoñecemento da labor ou traxectoria, notoria e exemplar no ámbito deportivo de Galicia, ás persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos, que estean contribuíndo, ou tiveran contribuído ao crecemento, promoción, fomento e excelencia do deporte e a educación física en Galicia.
LISTA COS 39 GALARDOADOS COAS DISTINCIÓNS AO MÉRITO DEPORTIVO DE GALICIA DO ANO 2012
| NOME | APELIDOS | DEPORTE | MERITO | ANO NACEM. | ANO FALEC. | LUGAR NACEM. |
| MARÍA | ABEL DIÉGUEZ | ATLETISMO | Participou nos Xogos olímpicos de Sidney´00 (30ª nos 10.000m) e Atenas´04 (27ª en maratón). Ten unha importante traxectoria en probas de fondo, participando nos Campionatos do Mundo do ano 1999 (14ª en 10.000m), 2001 (25ª en maratón) e 2003 (15ª en maratón). | 1974 | | Lugo |
| AMANCIO | AMARO VARELA | FÚTBOL | Gañador da Eurocopa de 1964. Gañador do Balón de Bronce en 1964. 42 veces internacional coa selección española. Gañou nove ligas e unha Copa de Europa. Foi dúas veces pichichi. Iniciouse no Victoria de A Coruña. Xogou catro tempadas no Deportivo de A Coruña e catorce no Real Madrid. | 1939 | | A Coruña |
| ÁNXELES | BARREIRO RICO | ATLETISMO | Participou nos Xogos olímpicos de Barcelona´92 (12º posición en lanzamento de disco). Internacional en 58 ocasións. Obtivo dúas medallas de prata e unha de bronce nos Xogos Iberoamericanos. Foi campioa de España es 11 ocasións. É a actual plusmarquista española. | 1963 | | Boimorto |
| JOSÉ ALFREDO | BEA GARCÍA | PIRAGÜISMO | Participou en catro Xogos olímpicos: Barcelona´92 (15º en C1 1000m), Atlanta´96 (7º en C2 500m e 8º en C2 1000m), Sidney´00 (4º en C2 500m e 9º en C2 1000m), Atenas´04 (14º en C2 500m e 7º en C2 1.000m). Dende o ano 2009 é presidente da Federación galega de piragüismo. | 1969 | | O Grove |
| JOSÉ MANUEL | BERMÚDEZ GARCÍA | REMO | Participou en catro Xogos olímpicos: Moscú´80 (4º no catro con timonel), Los Ángeles´84 (4º no dous con timonel), Seúl´88 (7º no dobre scull), Barcelona´92 (9º no catro scull). Adestrador do equipo olímpico español en Atlanta´96 e Sidney´00. | 1958 | | Vigo |
| PEDRO | CAMPOS CALVO-SOTELO | VELA | Un dos principais regatistas españois. 14 títulos mundiais, 22 triunfos en regatas de Copa América. 100 triunfos en regatas internacionais. Dende 1999 é presidente do RCN de Sanxenxo. É Director xeral do Team Telefónica. Foi un dos artífices de que Galicia acollese, no ano 2005, a saída da Volta ao Mundo a Vela. | 1950 | | Cuntis |
| ANTONIO | CID CORTÉS | BOCCIA | Participou en catro Xogos paralímpicos, obtendo seis medallas: Barcelona´92 (1º en individual e 1º en equipos), Atlanta´96 (1º en equipos), Sidney´00 (2º individual e 2º en equipos), Atenas´04: (participante en individual e 3º en equipos). | 1954 | | Xunqueira de Espadanedo |
| LUÍS | CID PÉREZ | FÚTBOL | Coñecido por "Carriega". Adestrador de fútbol en varios equipos da primeira divsión. Máis de 300 partidos seguidos dirixidos na máxima división nacional (RC Celta de Vigo, Atlético de Madrid, Sevilla CF. Real Zaragoza, Real Betis e Sporting de Gijón). | 1942 | | Allariz |
| RAMÓN | COLLAZO PAZOS | BALONMAN | No ano 1955 comeza a súa traxectoria como árbitro, daquela xogaban once xogadores por equipo. Pasou por todas as categorías ata chegar, no ano 65, á máxima categoría nacional. O seu primeiro partido internacional foi en 1970. Arbitrou en Campionatos de Europa e do Mundo. Presidente do Comité de competición e do Comité de árbitros da Federación galega de balonmán. Director da Escola nacional de árbitros. | 1939 | | Vigo |
| JUAN | FERNÁNDEZ GARCÍA | BALONCESTO | Co-fundador, no ano 1982, da Liga ACB, sendo posteriormente o seu terceiro presidente. Durante 34 anos foi presidente do OAR Ferrol, club que militou trece anos na máxima categoría do baloncesto español e que xogou por tres ocasións a Copa Korac. | 1940 | | Ferrol |
| JOSÉ | FIDALGO VELOSO | FÚTBOL | Gañador da Eurocopa de 1964. A súa carreira deportiva comezou no Eiriña e no Barquiñas. Xogou no Celta de Vigo, no Compostela, dúas tempadas no Deportivo de A Coruña e catro no Real Madrid. | 1937 | | Santiago de Compostela |
| LUÍSA MARÍA | GARCÍA PENA | ATLETISMO | 15 veces campioa de Epaña de atletismo. Internacional absoluta en atletismo, balonmán e hóckey herba. Recoñecida en 1967 como mellor deportista española. En 1970 marcha a Alemania e segue practicando diferentes deportes. | 1947 | | Vigo |
| JAIME | GONZÁLEZ CHAS | TIRO OLÍMPICO | A TÍTULO PÓSTUMO - Participou en catro Xogos olímpicos, na proba de precisión 25 m: Mexico´68 (31º), Munich´72 (5º), Montreal´76 (20º), Moscú´80 (22º). | 1933 | 2011 | A Coruña |
| JESÚS | HERMIDA CEBREIRO | | Ex secretario de estado para el Deporte (1980-83). Ex presidente do Comité olímpico español (1980-1983). Foi asesor do comité executivo da Fed. Int. de deporte universitario (FISU). Condecorado polo Goberno coa medalla de ouro da Real Orde ao Mérito deportivo. Doctor honoris causa pola Universidade de Mexico. Medalla ao mérito deportivo de Portugal e Iugoslavia. Cabaleiro da Orden da República de Italia. Xestionou as transferencias do Estado a Galicia. Foi atleta na Sociedade ximnástica de Pontevedra. | 1933 | | Santiago de Compostela |
| ISIDORO | HORNILLOS BAZ | ATLETISMO | Participou nos Xogos olímpicos de Moscova´80 en 400m e 4x400 m. Campión e recordman de España en catro disciplinas. Internacional en máis de 35 ocasións. Plusmarquista galego actual en oito probas. Presidente da Fed. Galega de Atletismo dende o 2007, tras ocupar o cargo de director técnico durante 15 anos. Membro da xunta de goberno da Real Fed. Española de Atletismo. Doutor en Educ. Física e profesor da Facultade de CC do Deporte e da Educ. Física (Universidade da Coruña). Diferentes publicacións no ámbito deportivo así como director do programa da TVG2, Citius Altius Fortius. Foi adestrador de atletas internacionais e preparador físico do Liceo Club Hockey. | 1957 | | Castronuño |
| VICENTE | LEIRACHÁ ANEIROS | | Representa a esencia do periodismo deportivo. A súa carreira profesional comezou, con 20 anos, en La Voz de Galicia, pasando por diferentes postos durante os case setenta que estivo en activo, ata compaxinar as tarefas de subdirección do diario coas de xefe de Deportes. Con 85 anos, logo de ter escrito sobre os principais acontecementos futbolísticos mundiais, segue escribindo unha columna de opinión diaria baixo o título Punto de Mira. | 1927 | | Valdoviño |
| JUAN MANUEL | LOPEZ MELLA | MOTOCICLISMO | TÍTULO PÓSTUMO. Participa en importantes carrerias de velocidade a finais da década dos 80 e principios da dos 90. Obtivo varios campionatos de España, destacando o de Superbikes do ano 91 no que gaña sete probas. Foi o primeiro piloto español en acadar un pódium no Campiontato do Mundo de Superbikes. | 1965 | 1995 | Lugo |
| MARCELINO | MARTÍNEZ CAO | FÚTBOL | Gañador da Eurocopa de 1964. Participou na Copa do Mundo de 1966. 14 veces internacional coa selección española. Iniciouse no Galicia de Meá para pasar ao Rácing de Ferrol. Xogou no Real Zaragoza entre 1959 e 1970. | 1940 | | Ares |
| ENRIQUE | MÍGUEZ GÓMEZ | PIRAGÜISMO | Participou en tres Xogos olímpicos, obtendo a medalla de bronce nos do ano 1984: Los Ángeles´84 (3º en C2 500m e 6º en C2 1000m), Seúl´88 (participou en C2 500m), Barcelona´92 (participou en C2 500m). Obtivo numeros títulos de campión de España. | 1966 | | Tui |
| ROSA | MONTOIRO | BALONCESTO | Responsable deportiva do Club deportivo Compañía de María de Vigo. Leva mais de 40 anos como referente do baloncesto feminino de base en Vigo, inculcando as valores propios do deporte entre a poboación escolar, co obxectivo do desenvolvemento integral da persoa. | | | Santiago de Compostela |
| GREGORIO | PÉREZ RIVERA | ATLETISMO | TÍTULO PÓSTUMO. Fundou a Federación lucense de atletismo no ano 1958. Pioneiro no impulso do atletismo lucense, creando unha escola de lanzadores de gran relevancia no ámbito nacional, destacando atletas como Tallón, Martínez, Cabanas, Torrón, Almudí, Díaz e Rodríguez Santos. | 1914 | 1978 | A Coruña |
| SEVERINO | REIJA VÁZQUEZ | FÚTBOL | Gañador da Eurocopa de 1964. Participou nas Copas do Mundo de 1962 e 1966. Internacional en 24 ocasións. Os seu comezos foron no Salesianos de Lugo. Xogou no Deportivo de A Coruña e dez anos no Real Zaragoza. | 1938 | | Lugo |
| ESTANISLAO | REVERTER SEQUEIROS | AUTOMOBILISMO | A TÍTULO PÓSTUMO. Recoñecido como un dos pioneiros do automobilismo en Galicia. Ex piloto de ralis da década dos 70. Impulsor do Rali de Ourense, director da Escudería Ourense e coñecido tamén pola construción do Renault "Alpinche". | 1929 | 1991 | Ourense |
| RAÚL | REY FORMOSEL | CICLISMO | Participou en tres Tour de Francia e cinco Vueltas a España. Militou no Kas, Licor 43 e Ferrys. Gañador da subida ao Naranco. | 1936 | | Ourense |
| FAMILIA | RODRÍGUEZ | BALONMÁN | Octavio Rodríguez fundou, no ano 1966, o Club Academia Octavio. O seu fillo Javier é o quinto presidente da entidade, sendo o cuarto membro da familia que asume a presidencia. En 1975 acada o ascenso á máxima categoría do balonmán español. Anos despois xogan as semifinais desta competición e, no ano 1995, a final da Copa de SM El Rey. En tres tempadas xogaron competición europea. A familia Rodríguez, pola súa aposta continuada por este club, representa un gran activo para o balonmán galego. | | | |
| JOSE MANUEL | RODRÍGUEZ DÍAZ | ATLETISMO | Coñecido por "Palelas". Especialista en mediofondo en activo nas décadas do 50 e 60. Primeiro atleta da provincia de Lugo que formou parte dunha selección española. Un dos primeiros deportistas galegos en adestrar na residencia Blume en Madrid. Foi presidente da Federación lucense de atletismo ata a súa desaparición, pasando a ser delegado en Lugo e vicepresidente da Federación galega de altetismo ata o ano 2007. Colaborador do Deporte escolar dende 1978 ata 2007. | 1939 | | Lugo |
| VICENTE JOSÉ | RODRÍGUEZ GARCÍA | BALONCESTO | Coñecido por "Cholas". Adestrador da primeira Selección española feminina de baloncesto que acadou a clasificación para uns Xogos olímpicos (Atenas 2004: 6º posto). Terceiro posto nos Eurobasket 2001 e 2003. Quinto posto no Mundobasket 2002. Adestrador do RC Celta feminino e do RC Celta masculino, entre outros. Varios títulos de campión de España. | 1952 | | Vigo |
| MARÍA HILDA | RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ | BOCCIA | Única galega medallista nuns Xogos paralímpicos. En Atlanta´96 obtivo dúas medallas de ouro en boccia. No campionato do Mundo de 1994 obtivo dúas medallas de ouro, e nos de 1998 unha de prata. A súa carreira deportiva iniciouse no club Auxilia Lugo, en atletismo. | 1955 | | Portomarín |
| FERNANDO | ROMAY PEREIRO | BALONCESTO | Participou en dous Xogos olímpicos, obtendo a medalla de plata nos de 1984: Moscú´80 (4º) e Los Ángeles´84 (2º). Participou en tres Mundobasket e en catro Eurobasket. Foi 174 veces internacional. Xogou no Real Madrid dende 1976 ata 1993. Gañou sete ligas, cinco Copas de SM El Rey e dúas Copas de Europa. Posúe o récord de tapóns na liga ACB con 677. Tamén xogou no OAR Ferrol e no Zaragoza. | 1959 | | A Coruña |
| LUIS | SORIA MONTERO | FÚTBOL | 60 anos neste deporte. Xogador ata os 25 anos. Despois estivo 25 anos de adestrador. Dende hai 20 anos preside a Asociación O Afiador, adicada á formación de adestradores. Colabora co CD Ourense. Medalla de ouro da Federación Gallega de Fútbol. Adestrador de diferentes equipos da provincia de Ourense, entre eles o Ribadavia Atlético, Celanova e o Verín. | 1935 | | Ourense |
| JOSÉ | VÁZQUEZ PÁJARO | | TÍTULO PÓSTUMO - Primeiro director do Centro galego de tecnificación deportiva, en Pontevedra. Ocupou este posto dende o ano 1987 ata o 2002, cando se xubilou ao cumprir 70 anos. O CGTD converteuse nun dos centros de referencia na tecnificación deportiva en España. En anos anteriores ocupara cargos de xefe de estudos e de director en colexios menores de Vitoria e Ourense. Foi profesor de Educación física nos Salesianos de Ourense, na escola de maxisterio de Vitoria e no Instituto politécnico de Pontevedra. | 1932 | 2003 | A Estrada |
| IRMÁNS | VEIGA GONZÁLEZ (Constancio e Antonio) | MONTAÑISMO | Constancio Veiga comezou a practicar montañismo no ano 1945. El e o seu irmán Antonio déronse de alta en 1947 no Club Montañeiros Celtas. Constancio foi profesor na Escola española de alta montaña e desenvolveu durante 30 anos unha importante labor de promoción entre a poboación infantil. Percorreu os macizos españois e portugueses na súa práctica totalidade. | 1931 Constancio e Antonio 1935 | 2011 (Constancio) | Vigo |
| FRANCISCO | VILLAR GARCÍA-MORENO | | TÍTULO PÓSTUMO - Ex secretario de estado para el Deporte (1999-2000). Durante o seu mandato organizouse en España o Campionato do Mundo de atletismo en Sevilla e a Universíada en Málaga. Vigués nado en Madrid, foi director xeral do Servizo galego de saúde. Condecorado polo Goberno coa medalla de ouro da Real Orde ao Mérito deportivo. | 1948 | 2011 | Madrid |
| | BEGANO, concesionario Coca-Cola | | Inicia a súa actividade empresarial no ano 1959. Dende entón o seu compromiso e implicación coa sociedade galega é continuo, fomentando e apostando polos hábitos de vida saudables e polos valores sociais no deporte, a cultura e o medio ambiente. | | | |
| | CB BREOGÁN SAD | BALONCESTO | Camiño do medio século de historia, o CB Breogán (Lugo 1966), é un dos clubs históricos do baloncesto en Galicia e España. Estivo máis de 22 tempadas na máxima categoría nacional. Nomes como o internacional lucense Manel Sánchez; Velimir Perasovic, Devin Davis ou Cherlie Bell -entre outros moitos- forman parte da historia dun club que é un dos símbolos da cidade das murallas. O Breogán loita por volver á ACB co respaldo incansable da súa masa social. | | | |
| | CLUB AMFIV | BALONCESTO EN CADEIRA DE RODAS | O club Asociación de minusválidos físicos de Vigo fundouse en 1982. Rafa, Oswaldo, Carlos, Pablo, Paco, Tino e Corrales iniciaron un proxecto para acadar a integración social das persoas con algunha discapacidade física. Baixo o lema "Á integración a través do deporte", son xa 30 anos desenvolvendo actividades tanto co seu equipo de alta competición como nas súas escolas deportivas. Na modalidade de baloncesto en cadeira de rodas obtiveron tres subcampionatos de Europa, un subcampionato de Copa de SM El Rey e un terceiro posto na Liga española. | | | |
| | CRTVG | | Os medios públicos que integran a CRTVG cumpriron xa 27 anos exercendo un papel esencial para a visibilización e promoción do deporte galego en todas as súas expresións e niveis. | | | |
| | OCÉANO SURF CLUB | SURF | Fundado en 1987. Vicente Irisarri, Carlos Bremón, Gonzalo Barro, Maria del Carmen Aguilar e Fernando Gómez crearon o primeiro club de surf de Galicia. Meses despois organizaron o primeiro PantínClassic, proba das series mudiais de surf que, neste ano 2012, celebra a súa 25ª edición. O incipiente desenvolvemento do surf galego non se entendería sen o traballo desta entidade pioneira en Galicia. | | | |
| | SPORTING CLUB CASINO DE A CORUÑA | | Fundado en 1890. Club pioneiro na implantación e desenvolvemento de actividades deportivas destacando, dende a súa orixe, os deportes náuticos. En 1908 organiza o primeiro Open de tenis, e tamén competicións de hóckey herba e a patíns. Na actualidade segue a desenvolver unha importante actividade deportiva, contando con 4.000 socios e 12.500 usuarios. | | | |
Galería de fotos
Vistas: 757
© Secretaría Xeral para o Deporte -
Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636