Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

02.05.2012

Taekwondo >> Mañá comezará o Europeo coa presenza de catro Deportistas Galegos

Andrea Rica, José Fernández, Lúa Piñeiro e Rebeca Mariño (esta con licenza balear) viaxan coa intención de chegar lonxe na competición.

Imprimir Atrás

Manchester 2012 é xa unha realidade. Mañá comezará o Europeo de Taekwondo sénior, coas primeiras pesadas, aínda que dende hai un par de días xa comezaron a chegar algunhas expedicións ata a cidade británica. En total está prevista a presenza de preto de catrocentos deportistas representando a uns 40 países.

Finalmente, no equipo español haberá catro galegos (Andrea Rica, Lúa Piñeiro, José Fernández e Rebeca Mariño), aínda que Rebeca Mariño non conta con licenza da Federación Galega, xa que actualmente está desprazada a Mallorca, polo que ten licenza balear.

Cada caso é diferente: Mentres que a viguesa Andrea Rica ten unha enorme experiencia e magníficos resultados en competicións internacionais (medallista europea e mundial), para José Fernández será o seu debut nun Europeo (aínda que foi prata nunha Copa de Europa), despois de que unha lesión cortase a súa traxectoria. Pola súa banda, Rebeca Mariño tamén ten bastante experiencia internacional (disputou tanto o Europeo coma o Mundial) e Lúa competirá no seu segundo Europeo. Hai que recordar que Andrea e Lúa tiveron que loitar pola súa praza no Europeo nunha preselección, mentres que José e Rebeca conseguiron a praza directamente polos resultados acadados no Campionato de España e no Open de España.
 
Competición. Xa se coñece o calendario de competición e os galegos terán que esperar uns días. A primeira en competir será precisamente a máis veterana, Andrea Rica, no peso de -57 quilogramos, mentres que José Fernández (-68), Lúa Piñeiro (-67) e Rebeca Mariño (-53) pecharán o torneo o día 6 de maio.

O Europeo de Taekwondo de Manchester reunirá aos mellores competidores europeos, xa que aporta puntos para o ranking e os deportistas poden mellorar os seus cruces nos Xogos Olímpicos de Londres. A selección británica acude cos seus mellores competidores e parte coma un dos grandes favoritos.

No último Europeo (San Petersburgo 2010) Galicia participou con catro deportistas (Estefanía Hernández, Andrea Rica, Rebeca Mariño e Lúa Piñeiro) e logrou unha medalla de bronce grazas a Fani Hernández, que nestes momentos está recuperándose dunha grave lesión.

 Fonte: Federación Galega de Taekwondo

Vistas:  545

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds