Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

02.03.2012

O secretario xeral para o Deporte fai un chamamento aos concellos de Ferrolterra para que se sumen ao Plan Galicia Saudable e contribuír a acadar un país máis activo e san

Lete Lasa mantivo hoxe cos alcaldes e representantes municipais da área de Ferrol un encontro informativo sobre o Plan Galicia Saudable destinados a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego

Imprimir Atrás
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha xuntanza con alcaldes e representantes municipais da área de Ferrolterra para presentarlles o Plan Galicia Saudable, unha acción encamiñada a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego e que se presentará publicamente o vindeiro mes de abril. No encontro, Lete Lasa fixo un chamamento aos responsables locais para adherirse ao dito Plan e, deste xeito, contribuír ao obxectivo de lograr un país máis activo e san.

Esta xuntanza enmárcase dentro dunha serie de encontros que o secretario xeral para o Deporte está mantendo con distintos dirixentes locais. Como xa ocorrera para as áreas da Coruña, Vigo, Lugo e Pontevedra, José Ramón Lete Lasa reuniu hoxe en Ferrol a alcaldes, concelleiros e técnicos municipais para darlles a coñecer o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, aos que informou do contido e da transcendencia do mesmo e resaltou a importancia da adhesión dos municipios aos seus obxectivos a través da Declaración de Galicia Saudable. Segundo explicou Lete Lasa, o fin último do proxecto é estender a práctica deportiva entre a poboación galega e concienciar á sociedade dos seus beneficios para a saúde.

Neste caso, xunto á delegada territorial da Xunta na provincia Belén do Campo, participaron representantes dos concellos de Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume e Valdoviño.

Ademais da importancia e dos obxectivos do Plan, o secretario xeral para o Deporte, explicoulles aos representantes municipais o estado actual do mesmo e as fórmulas previstas para a participación dos concellos e agrupacións municipais de Galicia, que se fará a través da Rede Galega de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable. Segundo dixo, o obxectivo da Xunta é artellar un proceso o máis transversal e completo posible, polo que salientou o interese de implicar a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física.

Galeria de Fotos

Vistas:  1354

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds