Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

23.02.2012

O secretario xeral para o Deporte convida aos municipios da Coruña a adherirse ao Plan Galicia Saudable e implicarse no obxectivo de acadar un país máis activo e san

Os representantes municipais coñeceron o contido do Plan e as fórmulas previstas para a participación municipal a través da Rede de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable. O Plan Galicia Saudable busca loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas creando as condicións necesarias para tornar os hábitos de vida dos cidadáns galegos cara unha maior práctica da actividade física

Imprimir Atrás

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, convidou hoxe aos municipios da Coruña a adherirse ao Plan Galicia Saúdable e implicarse así, no seu ámbito de responsabilidade, no obxectivo acadar un país máis activo e san. A xuntanza de hoxe, na que participaron alcaldes e representantes municipais dos concellos coruñeses, é o primeiro dos encontros informativos sobre o Plan que Lete Lasa manterá nas vindeiras semanas co obxectivo de sumar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego e que se presentará publicamente o vindeiro mes de abril.

Reunido con alcaldes, concelleiros e técnicos municipais, o secretario xeral para o Deporte presentou o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, informou do contido e da transcendencia do mesmo e resaltou a importancia da  adhesión dos municipios aos seus obxectivos a través da Declaración de Galicia Saudable. Así mesmo, deu conta do actual estado de desenvolvemento do Plan e das fórmulas previstas para a participación dos concellos e agrupacións municipais de Galicia, a través da Rede Galega de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable.

José Ramón Lete Lasa puxo o acento en que o obxectivo da Xunta é artellar un proceso o máis transversal e completo posible, polo que salientou o interese de implicar a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.

O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física.

O Parlamento galego deulle o pasado mes de decembro o visto e prace a un Plan que pretende crear as condicións necesarias para que a poboación galega desfrute dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, así como previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.

Nese sentido, o Plan Galicia Saudable recolle as liñas e recomendacións das principais organizacións mundiais relacionadas coa saúde, que chaman a atención sobre a necesidade de poñer en marcha medidas que interveñan sobre o contorno e os estilos de vida, desde unha perspectiva intersectorial que transcenda o meramente sanitario e que conte coa participación de diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades.

O secretario xeral para o Deporte explicou aos respresentantes municipais que o Plan non só quere promover cambios, senón tamén asegurar que eses cambios se consoliden e sexan sustentables, de aí a importancia de traballar de xeito coordinado con outros ámbitos da administración.

Vistas:  1201

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds