Novas
23.12.2010
A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 4,5 MILLÓNS DE EUROS ÁS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS NO ANO 2011
O Consello da Xunta autorizou no día de hoxe, 23 de decembro, a sinatura dos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as 59 federacións deportivas existentes en Galicia
Por primeira vez os convenios terán tramitación anticipada de gasto, o que posibilitará un máis pronto cobro das axudas por parte de cada unha das entidades deportivas beneficiarias
Esta medida de optimización na xestión pretende compensar o recorte que, dada a actual conxuntura económica, ocasiona a minoración nesta partida orzamentaria
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dos convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral para o Deporte, e as federacións deportivas galegas, co fin de establecer as bases de colaboración deportiva e económica para o ano 2011. Así, segundo se establece no acordo aprobado hoxe, a Xunta destinará un total de 4.554.988 euros á colaboración coas federacións deportivas galegas no ano 2011.
Deste xeito, a Xunta asinará con cada unha das 59 federacións deportivas existentes na comunidade os distintos convenios que prevén o desenvolvemento das competicións, a participación das seleccións autonómicas, o fomento do deporte feminino e da respectiva modalidade deportiva entre persoas con discapacidade, o fomento do deporte base, a tecnificación (concentracións, competicións, xornadas de formación técnica e programas de adestramento especializados para o perfeccionamento técnico-táctico), a actividade deportiva en idade escolar e outros proxectos de especial relevancia no ámbito das distintas federacións deportivas.
Tramitación anticipada do gasto
Segundo se establece no acordo autorizado hoxe polo Consello da Xunta, por primeira vez os convenios de colaboración coas federacións deportivas tramitaranse con anticipación de gasto, o que posibilitará un máis pronto cobro das axudas por parte de cada unha das entidades beneficiarias (prevese que o primeiro cobro se poida realizar xa no mes de xaneiro). Esta medida de optimización na xestión, pretende compensar o recorte que, dada a actual conxuntura económica, ocasiona a minoración da partida orzamentaria que, de forma anual, a Secretaría Xeral para o Deporte destina aos convenios federativos.
A esta medida súmanse outras igualmente encamiñadas a minimizar, na actividade federativa, os efectos da actual situación económica, como pode ser a determinación do sistema de anticipos que, para o próximo 2011, se establece en dous. Así todas as medidas recollidas nos convenios que se subscribirán coas distintas federacións deportivas galegas está encamiñadas a garantir o normal desenvolvemento da actividade federativa para o ano 2011.
Vistas: 7193