Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

06.09.2010

Ciclismo >> Ezequiel Mosquera quere escalar novos banzos cara ao podio da Volta a España

O Xacobeo Galicia, decidido a seguir ao ataque

Imprimir Atrás

A Volta chegou ao seu primeiro día de descanso coa clasificación moi aberta, ata o punto de que os dous primeiros da xeral seguen igualados a tempos, como antes de empezar a proba. A sensación é que a carreira, cando se achega ao seu ecuador, non ten aínda un dono previsible. Todo está moi incerto, moi no aire, e iso engádelle interese á competición.

Hoxe foi día sen competición na Volta e o Xacobeo Galicia realizou un adestramento duns setenta quilómetros, completando o percorrido final da décima etapa. Esta parte do itinerario é máis esixente do que puidese desprenderse do gráfico, non só polo alto de Rat do Penat, un porto do corte de Xorret do Cati que se descobre este ano para o ciclismo, situado no Parque Natural de Garraf, senón polo terreo rompepernas de toda a zona, con estradas estreitas e firme irregular en moitos tramos. Os afeccionados ao ciclismo non deben perderse esta etapa.

Unha Volta ao ataque
Ata aquí, nas nove etapas disputadas o Xacobeo Galicia veu deixando o seu sinal na carreira, a base de arroxo, ambición e excelentes doses de calidade. A vitoria non chegou pero o equipo ten o recoñecemento ao seu traballo por onde vai. “¡Álvaro (Pino), hoxe tamén ao ataque!”, gritan os afeccionados desde a cuneta. Iso recompensa deses caneos que a vitoria lle fixo ao equipo nesta primeira parte da carreira.

Na terceira etapa, como recordaremos, Serafín Martínez era alcanzado no último quilómetro. A súa acción non tiña a recompensa do triunfo de etapa pero permitiulle ao ciclista do Rosal enfundarse a camisola da montaña e a da combinada. A primeira conservouna durante seis días. Seis argumentos para subir ao podio, máis un por equipos. De nove etapas, sete no podio. Un gran balance para un equipo modesto.

Logo chegou outra fuga do propio Serafín Martínez, cun segundo posto na meta de Xorret do Catí; antes Vladimir Isaychev estivera noutra e a última, onte mesmo, correu a cargo de Gonzalo Rabuñal. En todas elas, as opcións de vitoria de etapa estiveron presentes.

Nas dúas últimas edicións da Volta tiveramos triunfos con David García e Gustavo C. Veloso. Nestes nove días viuse que ciclistas como Serafín Martínez ou Gonzalo Rabuñal maduraron e están chamando xa ás portas do éxito nunha grande como a Volta, e outros seguen progresando con paso firme.

Opcións de podio
A todo isto, Ezequiel Mosquera mantén intactas as súas opcións de podio desde o sétimo posto na xeral, e con aspiracións moi firmes de seguir subindo agora que a carreira vai chegar aos Pireneos. O líder do Xacobeo Galicia vese con outra disposición distinta á de anos anteriores, a de quen coñece xa a verdadeira dimensión da carreira. Iso permítelle estar máis confiado en si mesmo.

A moral, outro activo do equipo, mantense no seu punto máis álxido. Cada un dos nove integrantes do equipo pensa no colectivo e, ao mesmo tempo, ten unha ambición persoal por cumprir. Iso non garante vitorias, pero si asegurará moita presenza en carreira ata Madrid, nunha competición que durante vinte e un días difúndese por televisión a ¡cento cincuenta países!

Apoios en Facebook e na web
A afección é outro dos resortes deste equipo. Os apoios chegan de todas partes. A relación de amigos do Facebook do equipo segue crecendo continuamente e a web supera mensualmente as corenta mil visitas.

Fonte: Federación Galega de Ciclismo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Vistas:  3237

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds