Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

01.09.2010

Ciclismo >> O Xacobeo Galicia arroupou a Ezequiel Mosquera nunha etapa que acabou ao sprint

Serafín Martínez, Líder da Montaña por Terceiro día

Imprimir Atrás

O Xacobeo Galicia salvou sen contratempos a quinta etapa da Volta a España, de 198,8 quilómetros entre Guadix e Lorca. A misión era arroupar a Ezequiel Mosquera ante o perigo dos abanicos sobre un terreo eminentemente chairo e despexado, exposto á posible acción do vento. Non perigaba o liderado na montaña de Serafín Martínez, porque non había portos no percorrido, e o ciclista do Rosal subiu por terceiro día consecutivo ao podio para recoller o prestixioso maillot de lunares. A vitoria de etapa decidiuse ao sprint a favor de Farrar (Garmin) e o belga Gilbert continúa de líder.

A estas alturas non imos falar de etapa de transición, porque sabemos o que o termo anoxa aos ciclistas, sobre todo se é pronunciado xusto ao final dunha xornada na que hai que estar cinco horas enriba da bicicleta, con temperaturas de trinta graos, o pulso elevado ao máximo do umbral na aceleración final en busca do sprint masivo e sen outra referencia de seguridade á que agarrarse que o tubular da roda traseira da bicicleta do corredor que vai diante.

Falaremos de xornadas de aproximación ao obxectivo, de avances a través de territorios pouco aptos para a gloria cara ao seguinte escenario onde realmente se pode gañar a batalla. Territorios nos que, con todo, ao menor descoido poden quedar sepultadas todas as aspiracións. Por iso, o pelotón afrontas con máis resignación e nervios que entusiasmo.

De saída, o pelotón deixou marchar unha fuga na que houbo pouca pugna por meterse, dado que non tiña ningunha opción concluír con éxito. Na cabeza quedaron catro corredores: David Gutiérrez (Footon-Servetoo), Toribio (Andalucía-Cajasur), Labbe (Cofidis) e Rolland (Box Telecom).

A previsión de vento a favor, sobre un trazado que descendía desde os mil metros de Guadix aos trecientos cincuenta de Lorca, fixo traballar aos mecánicos, que montaron pratos de 54 dentes nas bicicletas, por se xurdían os abanicos. Pero non foi necesaria tanta carga de desenvolvementos, ben porque o vento non soprou con demasiada intensidade, ben porque na parte final daba máis ben de fronte.

O pelotón, sen ganas de excesiva batalla, logo de varias xornadas de moita dureza e calor, deixou que a fuga prolongase a súa agonía, nunha especie de respiración asistida, ata catorce quilómetros de meta. Decidiuse a darlle alcance cando a carreira abandonou un longo tramo de estrada estreita na que o perigo palpábase realmente.

Lampre, FDJ e Lotto eran os equipos que máis tiraban do pelotón nesa fase final da carreira. O Columbia apareceu nas posicións dianteiras moi a última hora, transmitindo a idea de que Cavendish, o seu chegador, non estaba todo o ben que lle gustaría.

O Xacobeo Galicia arroupaba a Ezequiel Mosquera, que se mantén décimo na xeral. Por momentos rodeábano os seus oito compañeiros e, a final, tiñan unha misión máis específica de mantelo nas posicións dianteiras David García, Veloso e Vladimir Isaychev. Tamén Gonzalo Rabuñal estaba atento e cruzaba a liña de chegada no posto décimo sexto, como primeiro corredor de equipo galego. Na meta de Lorca, Tayler Farrar daba tempo a un pelotón de cento cincuenta e oito corredores, superando a Koldo Fernández e Cavendish, segundo e terceiro, respectivamente.

VLADIMIR ISAYCHEV: “Xa collín a dinámica de carreira, aínda que sufrín na segunda etapa”
O ciclista ruso do Xacobeo Galicia Vladimir Isaychev disputa a súa primeira Volta a España. “Tiña a experiencia de participar no Giro o ano pasado. Agora a situación é distinta, seguramente non tanto pola diferenza que hai entre ambas as carreiras como porque eu son un ciclista distinto. O Giro do 2009 foime de moita experiencia”, revelou.

“Antes corría moi aloucadamente e agora sei mellor cando debo empregar as forzas e penso tamén que son máis profesional. Aquí na Volta, paseino realmente mal na segunda etapa. Sentinme sen forzas e sufrín moito. Agora xa entrei na dinámica da carreira e atópome máis cómodo. Hoxe tiña a misión de estar preto de Ezequiel nos quilómetros finais. A parte deste traballo, gustaríame buscar algún día unha escapada, pero non en etapas chairas como a de hoxe, que se sabe con certeza que non van chegar”, dixo finalmente, deixando entrever as aspiracións que trae á súa primeira Volta a España.

Fonte: Federación Galega de Ciclismo

Vladimir Isaychev

Vladimir Isaychev

 

Vistas:  3393

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds