Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

07.06.2012

Triatlón >> Cinco Galegos participan o domingo 10 na Copa de Europa de Cretona

Saleta participará o sábado no Tríatlon de Zarautz de media distancia.

Imprimir Atrás

Cinco galegos (Jesús Gomar, Uxío Abuín, Óscar Vicente, Estefanía Domínguez e Melina Alonso) participarán o domingo 10 de xuño na Copa de Europa Sprint de Cretona (Italia).

Na proba de Cretona hai unha enorme participación, tanto na categoría masculina coma na feminina (77 participantes en ambos casos). A proba feminina comezará ás 9:30 horas coa presenza de 6 españolas no grupo e nas que destacan as galegas Estefanía Domínguez e Camila Alonso. A categoría masculina terá a súa saída ás 11:30 horas, con cinco españoles na lista de inscritos dos cales tres pertencen á Federación Galega de Tríatlon (Jesús Gomar, Óscar Vicente e Uxío Abuín) e con opcións de facer un bo papel. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros natación - 20 quilómetros de bici - 5 carreira a pe) e están en xogo puntos para o ranking ITU.

Tríatlon de Zarautz. Pola súa banda, Saleta Castro terá unha nova cita coa media distancia, na que está facendo un moi bo traballo. Nesta oportunidade será nunha proba dunha enorme tradición (vai pola XXVI edición), o Tríatlon de Zarautz, e cunha espectacular participación (650 deportistas e houbo que pechar o prazo de inscrición ás tres horas de abrilo).
 
Saleta terá un importante reto pero parte entre as grandes favoritas nun percorrido durísimo. Terán que facer 2,9 quilómetros de natación en mar aberto, cos problemas que dan as correntes e a ondada. Pero o peor está por chegar, xa que a organización endureceu e moito o circuíto de bicicleta (81 quilómetros) e incluíu á subida a Aia, con ramplas de ata o 16,7 por cento de pendente. E para rematar, 20 quilómetros de carreira a pe polo casco urbano de Zarautz. A saída feminina será o sábado 9 ás 14 horas, mentres que a proba masculina comezará quince minutos máis tarde.

Na categoría masculina participarán tamén Javichín Pérez e Omar González (adestrador de Javi Gómez Noya), aínda que con obxectivos ben diferentes aos de Saleta.

Fonte: Federación Galega de Triatlón

Vistas:  485

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds