Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

14.03.2011

Triatlón >> O Europeo de Tríatlon Pontevedra 2011 nace co obxectivo de ser o mellor da historia

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento, que se celebrará entre os días 24 e 26 de xuño.

Imprimir Atrás

O Campionato de Europa de Tríatlon xa está en marcha. Hoxe tivo lugar o acto de presentación oficial do evento, que se desenvolverá entre os días 24 e 26 de xuño, no que participaron o alcalde de Pontevedra; Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Teresa Pedrosa; a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, Marisol Casado; e o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.

Unha das sorpresas do acto, que tivo lugar no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra, foi a presentación do vídeo do campionato, que ten un himno diferente, a ritmo de rap, polo compositor local Leo Kch. O cantante actuou en directo e posteriormente puido verse o vídeo da canción “Pontevedra racha”. Ademais, o campión do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya foi outro dos protagonistas, aínda que non puido acudir á presentación, xa que no vídeo foi quen explicou o percorrido.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que “xa teño ganas de que chegue o día 23 de xuño para ver o espectáculo incrible do tríatlon” e recordou que “imos pasar a proba do algodón coa celebración do Campionato de Europa, que vai traer a Pontevedra a máis de 2.000 deportistas entre todas as diferentes probas”. O máximo rexedor asegurou que “imos pasar a proba cun dez porque logramos a colaboración das tres administracións, ademais das federacións respectivas e de todos os organismos e colectivos implicados como Protección Civil, a Brilat, a Policía Local, a cárcere da Lama, a Garda Civil, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva… Por iso estou seguro do éxito do Europeo”.

Mentres, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou que serán tres días de competición do máis alto nivel e coa participación de aproximadamente 3.000 deportistas, o que nos permitirá gozar cunha das modalidades deportivas máis espectaculares”. Ademais, o máximo responsable do Deporte Galego puxo de manifesto a aposta da Xunta de Galicia hai dez anos ao introducir ao tríatlon no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, “que para nós é a xoia da coroa, xa que temos o orgullo de ver a enorme cantidade de grandísimos deportistas que saíron do noso centro”.

A vicepresidenta da Deputación Provincial, Teresa Pedrosa, manifestou a satisfacción da súa institución por colaborar con este evento e “podo asegurarlles tanto á Federación Internacional como á Española que Pontevedra o ten todo bo, pero o mellor de todo é o espírito participativo dos pontevedreses, que se van a implicar totalmente neste campionato”.

A presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, Marisol Casado, recordou que na súa despedida como presidenta da Europea, a súa última comunicación foi que o Europeo 2011 tería lugar en Pontevedra e “quedei moi tranquila porque sabía que tiña todos os ingredientes para o éxito: Un comité organizador consolidado, unha cidade preciosa e do tamaño adecuado, os mellores espectadores, dirixentes dispostos a traballar polo noso deporte e os mellores triatletas de Europa e do Mundo son de Pontevedra”.

Pola súa banda o presidente da Española, José Hidalgo, indicou que “abordamos este campionato coa implicación de todas as administración e o obxectivo é organizar o mellor campionato de Europa ata agora celebrado”. O responsable da Federación Española indicou que este campionato suporá un impacto económico para Pontevedra, a súa comarca e Galicia, “xa que durante cinco días imos ter aquí unha media de 3.000 persoas”.

Presentación

Fonte: Federación Galega de Triatlón

 

Vistas:  2269

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds