Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

04.01.2011

Taekwondo >> Nove Galegos entre os 50 mellores do Mundo na súa categoría

Aparecen no ranking mundial 2010, publicado pola WTF, e no que se valoran os resultados dos campionatos do mundo, continentais, universitarios e opens homologados.

Imprimir Atrás

A WTF (Federación Mundial de Taekwondo) ven de publicar o ranking mundial 2010, que recolle as puntuacións obtidas nos campionatos do mundo, continentais, campionatos universitarios e nos opens homologados pola WTF. Nesta edición do ranking, Galicia ten unha presenza numerosa, pois destaca a presenza de 14 deportistas galegos/as entre os 100 primeiros clasificados das súas categorías.

A WTF pretende con este ranking establecer unha valoración obxectiva do nivel das e dos deportistas ao estilo das que xa existen noutros deportes como o tenis.

Estefanía Hernández e Andrea Rica están nos postos de honra, xa que a primeira atópase entre as catro mellores competidoras do taekwondo mundial polos resultados acadados no Campionato do Mundo (3ª); Campionato de Europa (3ª); Copa de Europa (1ª); Campionato do Mundo Universitario (3ª); Open de Alemania (2ª) e Copa do Mundo por equipos (finalista) e, pola súa banda, Andrea aparece no 7º posto da categoría olímpica grazas aos seus logros no Campionato do Mundo (3ª); Campionato de Europa (3ª); Copa do Mundo por equipos (finalista) e Open de Alemania (1ª).

Rebeca Mariño, Lúa Piñeiro e Laura Lorenzo ocupan os postos 28, 32 e 38, respectivamente, polas súas actuacións nas competicións internacionais de referencia durante o ano 2010, a pesar de que a Federación Española no permitiu a participación de Lúa –campioa de España- na Copa de Europa, restándolle a posibilidade de ascender no ranking. Desta forma, son cinco as competidoras galegas que ocupan postos entre as 50 mellores do mundo das súas categorías.

Na categoría masculina a presenza galega é de nove deportistas entre os 100 mellores do ranking, catro deles entre os 50 primeiros clasificados. Algunhas lesións que impediron a participación dos galegos máis punteiros nos eventos de 2010 relegaron a Raúl Bouzas, José Fernández e José A. Carregal ós postos 39, 44 e 61respectivamente. A mellor posición no ranking obtívoa Javier Sieira co posto 36 pola súa magnífica actuación no Open Británico. Gerardo Ortiz, Fernando Rascado, Borja Ríos e Pablo Carou continúan a lista de galegos entre os 100 primeiros do mundo ocupando os postos 47, 65, 73 e 96 respectivamente.

É salientable que o veterano Miguel Cortegoso, cos corenta cumpridos e tras unha tempada con lesións que lle impediron brillar ó nivel que desexaba, estea presente no ranking no posto 134. Pola súa banda, José Antonio Andrade ocupa o posto 116, un deportista moi novo que está amosando o seu gran potencial.

2010 foi, a pesar dalgunhas lesións inoportunas, un espléndido ano para os competidores galegos, que xa pensan en Londres 2012. Para chegar aos xogos traballarán arreo durante o 2011, agora coa vista posta xa na importante cita do campionato de España, clasificatorio para os opens internacionais e para o Mundial 2011.

Fonte: Federación Galega de Taekwondo

Estefania Hernandez

Estefania Hernandez

 

Vistas:  2761

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds