Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

12.09.2010

Ciclismo >> O Xacobeo Galicia e os seus seguidores puxeron calor, emoción e espectáculo na Volta

Gran actuación para o recordo nos Lagos de Covadonga

Imprimir Atrás

O Xacobeo Galicia e a afección galega puxeron calor, cor, emoción e espectáculo na décimo quinta etapa da Volta a España, que coincidiu coa segunda etapa do tríptico de montaña do Cantábrico. A xornada foi desde a localidade cántabra de Solares ata a cima do mítico porto dos Lagos de Covadonga, no Principado de Asturias.
 
Ezequiel Mosquera foi o primeiro dos aspirantes á vitoria final en cruzar a liña de meta, rabuñando 11 segundos a Nibali e a Joaquim Rodríguez, e distanciou en case un minuto a outros rivais directos, como Schleck, Tondo ou Carlos sastre. Na xeral o xefe de filas do Xacobeo Galicia sitúase a 39 segundos do líder da carreira, Vicenzo Nibali (Liquigas), e a 35 da segunda praza, que ostenta Joaquim Rodríguez (Katusha).

Mosquera reforzou, ademais, a súa terceira praza, ao deixar ao cuarto clasificado, agora Peter Velits (THC-Columbia), a 1-50. A etapa gañouna Carlos Barredo (Quick Step), integrante dunha escapada de seis corredores que chegou ao pé do porto con sete minutos de vantaxe sobre o pelotón.

Unha xornada máis, con montaña polo medio, Ezequiel Mosquera pasou á ofensiva. Fíxoo a falta de seis quilómetros e medio para a meta, respondendo a un ataque de Carlos Sastre e dando continuidade ao sensacional traballo previo de todo o equipo, na aproximación e na primeira parte da ascensión a Los Lagos.
 
O pelotón deixara atrás Cangas de Onís en dirección a Covadonga. Chegaba un dos momentos máis esperados da Volta e o Xacobeo Galicia púxose á fronte do pelotón, endurecendo a carreira e asumindo o papel ofensivo na carreira, unha das tres grandes probas por etapas do calendario ciclista mundial.

O equipo galego, baixo a dirección de Álvaro Pino, graduouse no traballo de aproximación, buscando levar ao grupo co pulso moi alto ás primeiras ramplas do porto; e seguiu na fase inicial a subida co seu plan de endurecer a carreira. Este traballo último realizábano Delio Fernández, Gustavo C. Veloso e Rabuñal. Para máis arriba quedaba David García na recámara, atento sempre ao líder do equipo.

O grupo principal rapidamente quedou reducido a menos de vinte unidades. O líder da Volta, Nibali, tamén acabou pondo ao seu compañeiro Kreuziger a marcar o ritmo, alternando cos ciclistas do Xacobeo Galicia, pero sempre cunha aceleración máis sostida. Por diante, Carlos Barredo rodaba con renda suficiente, e xa en solitario en busca da primeira vitoria dun ciclista asturiano nos Lagos.

A sete quilómetros da cima, atacou Carlos Sastre. Foi a escusa ideal para que Ezequiel Mosquera saltase do grupo dos favoritos ata a roda do abulense, acabando por marcharse só. Por detrás, o líder, Nibali, non se descompuña e mantiña sempre á vista ao corredor do Xacobeo Galicia, aínda que sen poder darlle alcance.

Este espectáculo era presenciado, gozado e aplaudido por unha gran cantidade de afeccionados galegos, situados ao longo de toda a subida, nunha xornada chuviosa e con temperaturas frescas. A actitude da afección, chegada das catro provincias galegas e doutros puntos, tamén foi de dez.

A etapa saíra lanzada de Solares. O pelotón rodou moi enfilado durante os primeiros setenta quilómetros, coas lamias rozando perigosamente os bordos das rotondas sobre un firme mollado pola choiva, que caeu de forma suave pero continua ao longo de toda o día.

O ritmo tranquilizouse cando finalmente se formou a pretendida escapada que todos querían coller, porque tiña moitas opcións de chegar. A fuga formouse con seis corredores: Kaisen e Van Avermaet (Omega), Barredo (Quick Step), Sijmens (Cofidis), Cazaux (FDJ) e Martin Velits (HTC-Columbia), irmán do cuarto da xeral. Os sete minutos de vantaxe que tiveron ao pé do porto foron suficientes para que chegasen por diante a meta.

A sétima praza na etapa correspondeu a Ezequiel Mosquera, e tras el foron entrando os outros aspirantes a gañar esta edición da Volta e demais sobreviventes da carreira, que logo da décimo quinta etapa son 163 ciclistas. Porque Ezequiel Mosquera hoxe demostrou que xa aspira a todo na Volta.

Fonte: Federación Galega de Ciclismo

Ambiente gallego en Covadonga

Ambiente gallego en Covadonga

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ezequiel asediado por los medios de comunicación

Ezequiel asediado por los medios de comunicación

 

Vistas:  3241

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds