Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

19.07.2011

Vela >> O cangués Juan Vieito proclámase en Valencia campión de España xuvenil de Fórmula Windsurf

Podio galego na categoría. Alex Doncel, tamén do Club Náutico de Cangas, é subcampión

Imprimir Atrás

Os regatistas galegos seguen acumulando títulos, demostrando estar entre os mellores do ranking nacional. O último en regresar a casa co trofeo debaixo do brazo foi o cangués Juan Vieito, quen o pasado domingo se proclamaba en Valencia campión de España xuvenil de Fórmula Windsurf.

Baixo unhas condicións de navegación moi complicadas, a Mariña Real de Valencia acollía do 15 ao 17 de xullo o IV Master Golden Series/ Campionato de España de Fórmula Windsurf e de RS:X, con ventos de entre 18 e 20 nós, chegando a medirse refachos de maior intensidade con moita onda, pondo a proba a técnica dos deportistas en liza. A pesar diso chegáronse a sumar até sete mangas.

Na categoría xuvenil o regatista do Club Náutico de Cangas Novacaixagalicia, Juan Vieito mostrouse intratable durante toda a competición liderando unha a unha as probas disputadas até coroarse co ouro. En canto á xeral, finalizaba nunha nada desdeñable quinta praza empatado a puntos co cuarto clasificado, o catalán Victor Depoorter, e a un só punto do bronce absoluto, o andaluz Alejandro Alcázar. Primeiro e segundo foron Fernando Martínez do Cerro (C.N. de Sevilla) e Pablo Ania (C.W. de Burriana). Así o regatista da Selección de Vela Novacaixagalicia chega pisando forte e demostrando ser un duro rival a bater.  Pola súa banda, Alex Doncel, con quen comparte grímpola, tampouco quedou atrás. Acabou segundo no seu mesma clase.

En paralelo, no Campionato de España de RS:X (táboa windsurf olímpica), o único representante galego, Tomás Vieito (Club Náutico Cangas Novacaixagalicia), ocupou unha meritoria sexta posición na súa estrea na categoría xuvenil, tras unha competición na que o olímpico Iván Pastor do C.N. de Santa Pola revalidaría o seu título.

O CENTRO GALEGO DE VELA, A PLENO RENDEMENTO
O CGV de Villagarcía de Arousa atópase este mes de xullo a pleno rendemento. Do 11 ao 15 foi a quenda dos adestramentos de Match Race, que compartiron campo de regatas con seis equipos galegos de 420 que se preparan para as súas próximas citas. Entre eles os formados por Carlos Castelao e Jorge Lorenzo, Patricia Suárez e Vitoria García-Lastra, Neves Lorente e Pilar Amaro e Pedro Martínez e Luís Bugallo, todos eles do Real Club Náutico de Vigo; Eduardo Reguera e Esteban Bernárdez, do Club Marítimo de Canido; e  Daniel Álvarez e Brais Pazó, do Club Náutico de Portosín.

E hoxe finaliza o segundo dos adestramentos nacionais desta mesma categoría, na que participaron os equipos galegos formados por Patricia Suárez e Vitoria García-Lastra, Carlos Castelao e Jorge Lorenzo, e Neves Lorente e Pilar Amaro; xunto aos baleares Adriá Barceló e Pedro Terrones, e Xavi Antich e Ramón Lleonart; os cataláns, Fernando e Álvaro Urzáiz, Bárbara Cornudella e Sara López, e Aura Miquel e Mariña Cano; e a cántabras Laura Palazuelos e María Ruíz.

Estes últimos darán paso do 25 ao 29 de xuño á sexta concentración de Optimist que se celebra este ano nas instalacións do centro da Federación Galega de Vela.

Fonte: Federación Galega de Vela

Vistas:  1927

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds