Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

06.03.2012

O secretario xeral para o Deporte analiza co delegado territorial de Pontevedra as deficiencias do pavillón de Mondariz

José Ramón Lete Lasa anuncia a posta en marcha dun estudo que concrete tecnicamente as necesidades desta infraestrutura

Imprimir Atrás
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o pavillón de deportes do concello de Mondariz co obxectivo de analizar as deficiencias que presenta.

O alcalde do municipio, Julio Alén, estivo presente durante a visita para trasladar a ambos responsables da Xunta a súa preocupación polos problemas que está a sufrir a cuberta desta infraestrutura deportiva.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este concello o pasado mes de xaneiro a petición do rexedor preocupado pola suspensión dun partido da liga autonómica de fútbol sala ante a presenza de goteiras no tellado así como pola deficiente situación da pista deportiva.

Tras comprobar as deficiencias, Cores Tourís trasladou a situación á Secretaría Xeral para o Deporte, polo que o seu responsable, José Ramón Lete Lasa, decidiu visitar Mondariz, onde hoxe anunciou a posta en marcha dun estudo que avalíe tecnicamente os problemas do pavillón e permita concretar o custo das obras de mellora desta edificación. Este informe será complementado coa memoria que está a realizar o propio concello, “xa que consideramos que é moi urxente a súa reforma porque temos que seguir a dar servizo á poboación do municipio”, explicou o rexedor.

Esta infraestrutura ten máis de 30 anos e é utilizada non só polos veciños da localidade senón tamén por equipos da liga autonómica sur de fútbol sala e por equipos da liga provincial e local deste mesmo deporte.

Ademais, tamén utilizan este pavillón a escola de fútbol sala do municipio e o equipo de mulleres desta modalidade en Mondariz, aos que se deben engadir os alumnos da escola de tenis e da escola de patinaxe. “De feito”, engadiu o alcalde da localidade, “unha das alumnas desta última escola quedou campeona de Galicia e recentemente gaño en Santander un torneo de carácter nacional, polo que nós estamos a apostar por manter este tipo de actividades que potencia o deporte entre os nosos xóvenes”.

Por outra banda, no concello preocupa especialmente o torneo de fútbol sala de Galicia, “o decano nesta competición”, que chega este ano ao seu 40 aniversario e que está previsto que se celebre en Mondariz o próximo 15 de agosto. “Non sabemos se finalmente teremos que suspendelo ante o estado no que se atopa a pista deste pavillón”, argumentou Julio Alén, quen explicou que, ademais das goteiras, a instalación tamén sufre problemas de condensación ao estar situado sobre un terreo moi húmedo. “A situación é grave. Teríamos que cambiar ou arranxar a cuberta e cambiar a pista, polo que imos solicitar a colaboración da administración autonómica para esta obra, xa que son máis de 200 persoas as que utilizan este pavillón tódalas semanas”.

Vistas:  776

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds