27.02.2012
Lete Lasa mantivo hoxe cos alcaldes e representantes municipais de Lugo un encontro informativo sobre o Plan Galicia Saudable destinados a gañar apoios á Declaración de Galicia Saudable que promove o Goberno galego
Esta xuntanza enmárcase dentro dunha serie de encontros que o secretario xeral para o Deporte está mantendo con distintos dirixentes locais. Como xa ocorrera para as áreas da Coruña e Vigo, José Ramón Lete Lasa reuniu hoxe en Lugo a alcaldes, concelleiros e técnicos municipais para darlles a coñecer o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable, aos que informou do contido e da transcendencia do mesmo e resaltou a importancia da adhesión dos municipios aos seus obxectivos a través da Declaración de Galicia Saudable. Segundo explicou Lete Lasa, o fin último do proxecto é
estender a práctica deportiva entre a poboación galega e concienciar á sociedade dos seus beneficios para a saúde.
Neste caso, xunto á delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participaron representantes dos concellos da Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, Alfoz, Antas de Ulla, Barreiros, Begonte, Bóveda, Burela, Cervo, Chantada, Foz, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Corgo, O Valadouro, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pantón, Pol, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Sarria, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, Vilalba , Viveiro e Xove.
Ademais da importancia e dos obxectivos do Plan, o secretario xeral para o Deporte, explicoulles aos representantes municipais o estado actual do mesmo e as fórmulas previstas para a participación dos concellos e agrupacións municipais de Galicia, que se fará a través da Rede Galega de Unidades de Promoción do Exercicio Saudable. Segundo dixo, o obxectivo da Xunta é artellar un proceso o máis transversal e completo posible, polo que salientou o interese de implicar a todos os concelleiros e técnicos dos diversos departamentos municipais relacionados co eido de actuación do Plan Galicia Saudable: deportes, educación, sanidade, transportes, urbanismo, turismo, medio ambiente, servizos sociais, etc.
O Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable é a resposta unitaria do Goberno galego para loitar contra o sedentarismo e as enfermidades asociadas ao mesmo, a través dunha aposta por promover cambios no estilo de vida da sociedade galega e impulsar a práctica da actividade física.
O Parlamento galego deulle o pasado mes de decembro o visto e prace a un Plan que pretende crear as condicións necesarias para que a poboación galega desfrute dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, así como previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo, desde a infancia ata a vellez.
Nese sentido, o Plan Galicia Saudable recolle as liñas e recomendacións das principais organizacións mundiais relacionadas coa saúde, que chaman a atención sobre a necesidade de poñer en marcha medidas que interveñan sobre o contorno e os estilos de vida, desde unha perspectiva intersectorial que transcenda o meramente sanitario e que conte coa participación de diferentes actores sociais con capacidade de influír sobre as causas destas enfermidades.
O secretario xeral para o Deporte explicou aos representantes municipais que o Plan non só quere promover cambios, senón tamén asegurar que eses cambios se consoliden e sexan sustentables, de aí a importancia de traballar de xeito coordinado con outros ámbitos da administración.
Vistas: 913
© Secretaría Xeral para o Deporte -
Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636