14.07.2011
Con esta proba finaliza a Superliga, que nestes momentos lidera o Cidade de Lugo Fluvial tanto na categoría masculina coma feminina.
Esta fin de semana celebrarase en Pulpí (Almería) a Liga Nacional de Clubs de Primeira División, proba coa que finaliza a Superliga, que nestes momentos lidera o Cidade de Lugo Fluvial tanto na categoría masculina coma feminina. Ademais, celebrase a Liga de Segunda División e a de Promoción.
A Liga de Primeira División, cuarta e última proba da Superliga, terá lugar o domingo 17 de xullo. O pasado ano Galicia foi a triunfadora da Superliga, xa que Cidade de Lugo Fluvial foi o gañador na categoría feminina e o Arcade Inforhouse na masculina. Actualmente, o Cidade de Lugo Fluvial lidera ambas categorías e garante o título se logra o terceiro posto na proba masculina e o cuarto na feminina.
A proba feminina, con dez equipos participantes, comezará ás dez da mañá e parte como favorito o Cidade de Lugo Fluvial. Ademais, tamén participa o Arcade Inforhouse, representando ao tríatlon galego. Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de oito deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. O regulamento da proba sinala que aqueles deportistas que cheguen a meta cun tempo superior ao vinte por cento máis do primeiro clasificado, quedará descualificado.
Ás 11:30 horas comezará a proba masculina, na que tamén participan Cidade de Lugo Fluvial e Arcade Inforhouse. O equipo lucense chega con importantes baixas, xa que no estarán en Almería Javier Gómez Noya, Óscar Vicente o Manuel Piñeiro, entre outros. Desta forma, os favoritos para lograr a vitoria na Liga Nacional de Clubs son Arcade, Cidade de Lugo e Diablillos. Ao remate da proba, tamén se entregarán os premios da Superliga.
Segunda División. Na Segunda División Feminina participa o Tríatlon Ferrol, que aspira a subir a Primeira. Ascenden os tres primeiros clasificados. Na proba masculina, o Remeco Muralla de Lugo aspira a acadar o ascenso de categoría (soben os tres primeiros e descenden os catro últimos). Ademais do Remeco, tamén disputa esta división o Fogar Carballo.
Fonte: Federación Galega de Triatlón
Vistas: 1622
© Secretaría Xeral para o Deporte -
Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636