Secretaría Xeral para o Deporte Xunta de Galicia

Novas

30.06.2011

Triatlón >> Ferrol acolle esta fin de semana a Copa do Rei e o Campionato de España de Acuatlón

O Cidade de Lugo defenderá o seu título na Copa e o liderato no ranking nacional de clubs.

Imprimir Atrás

Ferrol acollerá o sábado 2 de xullo a Copa do Rei de Tríatlon, unha competición por equipos de clubs, na que o Cidade de Lugo Fluvial defenderá o título nas dúas categorías (masculina e feminina). Na proba participarán 83 clubs e os mellores triatletas españois, entre eles o campión do mundo Javier Gómez Noya. E ao día seguinte, celebrarase o Campionato de España de Acuatlón.

A proba, que se desenvolve sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bici e 5 de carreira a pe) é unha contrareloxo por equipos, que están compostos por 6 membros e deben rematar polo menos catro para clasificar. O cuarto clasificado é o que da o tempo ao equipo.

Os equipos saen cada tres minutos, seguindo a clasificación da tempada anterior (en orde inversa), polo que os mellores saen de últimos. A competición comezará coa proba aberta masculina (15:00 horas) e por último sairán os dez primeiros da proba de elite.

Na proba elite masculina participarán un total de 42 equipos, dos cales sete son galegos. Os clubs galegos son: Galaico Cidade de Pontevedra, Tríatlon Ferrol, Tríatlon Arcade Inforhouse, Tríatlon Remeco Muralla de Lugo, A.D. Fogar, Cidade de Lugo Fluvial e R.C. Náutico de Vigo.

En elite feminina participarán 27 equipos, dos cales cinco son galegos (A.D. Fogar, Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse, Tríatlon Ferrol e Roqsport.com-San Roque.

No campionato open participarán un total de 11 equipos na categoría masculina (cos galegos Fogar, Cidade de Lugo, Tríatlon Mar de Vigo, Real Club Náutico de Vigo e Tríatlon Ferrol), mentres que 3 serán os participantes na categoría feminina.

Campionato de España de Acuatlón. E ao día seguinte continúa a competición do máis alto nivel, coa disputa do Campionato de España de Acuatlón, na que están inscritos 360 deportistas, entre os que destaca a presenza de Gómez Noya, que defende o seu título.

A proba disputarase sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, un quilómetro de natación e 2,5 quilómetros de carreira a pe. A primeira das saídas está prevista para as dez da mañá (grupos de idade, cadete e xúnior), mentres que elite feminina comezará as 11:30 horas e a masculina ás 12:00 horas.

Na proba de elite feminina están inscritas 40 participantes cunha importante presenza de galegas, que buscarán acadar o título en casa. Marta Barbeito, Miriam Casillas, Saleta Castro, Estefanía Domínguez, Marta Jiménez, Ricarda Lisk, Rocío Molas e Aída Valiño son as galegas inscritas.

En elite masculino hai 74 deportistas inscritos, dos cales dez representan a Galicia: Uxío Abuín, Miguel Ángel Acosta, Alberto Álvarez, Pablo Dapena, Jesús Gomar, Javier Gómez Noya, Jorge Naranjo, Antón Ruanova, Adrián Vázquez e Óscar Vicente.

Fonte: Federación Galega de Triatlón

Vistas:  1714

© Secretaría Xeral para o Deporte -  Aviso legal
Estadio Multiusos de San Lázaro, Porta nº 4 - 15781 Santiago de Compostela - Tlf.: 981 542 621 Fax: 981 542 636

Pode suscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds